quen somos contos cineteca enlaces galer’a de fotos contacta con n—s
A Casa EnChantada facebook twitter
 
quen somos
contos
cineteca
enlaces
galeria de fotos
contacta
prensa
 
o pescador dos contos
 
 
ciclobiblioteca
 
2teixos
 
a web d@s nen@s
 
 
cantos solidarios
 
Bestiario da fraga dos contos solidarios
 





 

(Personaxes de 18 anos de contos solidarios nas escolas dende 1990 a 2012)

1.- Carballo con botas. Pequena árbore galega contadora de contos solidarios, coa terra e cos homes, que naceu despois dun terrible incendio forestal dentro da bota vella dun peregrino. O carballo con botas anda na procura de historias diminutas coas que repoboar a fraga dos ContoSolidarios.
  2.- Querco. Derradeiro habitante da fraga de ContoSolidarios que viu coma un incendio forestal facía fuxir a todos os seus parentes e con eles a paz e a mesma solidariedade. No Outono chorou bagoas con forma de belotas que deron orixe ó carballo con botas. Podédelo ver chorar despois dos incendios forestais en calquera lugar do noso país.
  3.- Xan Filipíño. Afamado peregrino a quen, mentres durmía esgotado, un grupo de donicelas lle roubaron unha bota vella, chea de furadiños e buracos, para pousala á sombra do carballo Querco. O vento inzou a bota de terra e un paxariño pousou unha belota dentro dela, fixeron casamento bota, terra, e belota o que deu lugar na primavera o nacemento do carballo con botas.
  4.- Tío teixo. Tío do carballo con botas, habitante da fraga dos ContoSolidarios que coa chegada do incendio fuxiu refuxiándose dentro dun pote vello. Tío Teixo dedícase coas súas follas a tecer sacos verdes para as fadas que non saben voar, para que os leven con elas recollendo guerras, fame, tristuras e os pesadelos de nenas e nenos.
  5.- Fada do saco verde. Estraña raza de fadas do bosque dos carballos ananos (Carballiño) que non saben voar, as súas bagoas, froito da humillación do resto das fadas, cativan de tal xeito aos teixos que namóranse delas e tecen sacos de cor verde para que con eles recollan os pesadelos dos cativos da fraga. Cando son atrapadas nos lameiros chaman polo vento ventón para que as rescate un meniño con gran corazón.
Martiño Salgueiro 6.- Martiño Salgueiro. Neno que vive enriba dun salgueiro, preto do Miño, foi adoptado pola árbore despois de perder os seus pais nun incendio forestal.
  7.- Arpa. Lontra do río que xunto co resto das lontras constrúen diques para asolagar os bosques co fin de frear á fera do lume nos incendios forestais e que Martiño poida seguir a vivir enriba do salgueiro.
Moura fiandeira 8.- Moura fiandeira. Atópase por baixo das penedas de Erosa, pídelle pan aos nenos pobres, quen llo dá recibe un fío que se converte en ouro. Cando un cobizoso lle rouba o fío este convértese en serpe velenosa.
  9.- Trasno zoqueiro. Vive na fraga no lugar de Padernelle, agasalla aos meniños pobres con zocos que se converten en ouro ó chegar ás súas casas. Cando un envexoso llos rouba, os zocos transfórmanse en terribles lobos
  10.- Xesta. Meniña pobre do lugar de Serosa que comparte seu pan coa moura.
  11.- Fento. Meniño doce do lugar de Padernelle, curmán de Xesta, que lle leva viño ao trasno zoqueiro.
  12.- Varkas. Tribo que habita a torre de Ercos, entre Serosa e Padernelle e que se dedica a construír cazadores de soños para afastar os pesadelos dos varkas máis cativos. Cando unha nube de cor verde con pintas azuis cega a liberdade dos varkas o canto triste dun deles fai que os paxaros mornos do outono, movendo as súas ás, ceiben ao seu pobo.
  13.- Omat. Deus dos castiñeiros que sempre comparte cos habitantes de Cambó o tesouro das castañas para soportar o frio inverno no val.
Nautal 14.- Nautal. Fillo de Omat, avaricioso que non comparte as castañas coa xente do val.
  15.- Os esquíos. Grupo libertario de esquíos que afastan a fame de Cambó roubando os froitos dos castiñeiros que pousan diante das casas dos habitantes do val.
  16.- Recicliño. Ser verde que anda polos bosques e regatos tornando o lixo en penedos máxicos que turban a mente dos que danan a terra para que lle fagan ben.
  17.- Coureliña. Nena habitante do lugar de Caurel que soña bosques de cartón e píntaos de color, Coureliña cunha goma borra o lixo e tamén os homes cando alguén deles manca o bosque, pinta máis lobos e así as árbores sorrín neses bosques de cartón.
  18.- Lor. Lobo de cartón, inseparable da Coureliña dende que un día o pintou.
  19.- Zaín. Trasno da Peroxa que enfurecido co actitude dos humanos que mancan o río un día decidiu secuestrar as augas gardándoas en Irima.
  20.- Irimía. Lugar onde nace o Miño e onde Zaín con sete chaves agochou ás augas.
  21.- Brétema. Meniña do lugar de Ervedeiro, do penedo do Garabullo, que unha mañanciña parte na procura das augas roubadas por Zaín.
  22.- Candaz. Lontra do Castro de Candaz que habita na pousa dunha barca miñota.
  23.- Lugo. Lobo que bebe nos caneiros do Miño da cidade amurallada e que con Candaz e Brétema parten na procura das augas roubadas por Zaín.
  24.- Meira. Xacia miñota e bondadosa que navega os ventos perchando en batuxo e que guiará a Candaz, Lugo e Meira na procura das augas. No remate namórase do trasno Zaín e os dous andan agora gobernando o mar en batuxo vixiando aos homes por se volven maltratar ás augas para agochalas para sempre nalgún penedo fluvial.
  25.- Fermina Doade. Curandeira de Sober que recomendaba ás xentes que abrazasen as árbores para recoller a enerxía positiva. Emigrou cando a construción dos encoros do Sil e no remate converteuse en pantasma da Alameda de Compostela que escribe receitas de apertas ás arbores para curar o desamor e tamén para o amor treboado.
Mara 26.- Mara. Abella da terra brava que habita na escola do Incio e quer ser gaivota.
  27.- Mana. Poliño de gaivota afectada pola marea negra que se fai inseparable de Mara e xuntas loitan contra a fera do lume. Morren nun incendio e das súas cinzas brotan flores coas que o resto das abellas fan o mel.
  28.- Fraga de Don Simón. Habitada por singulares personaxes que constrúen peneiras con forma de corazón, para peneirar ese estraño sentimento que se chama amor e libralo dos granciños de egoísmo que o acompañan, e cultivan nabizas para pedir perdón coas que se cociñan os afamados caldos de desculpas
  29.- Paula. Habitante da fraga de Don Simón, contadora de historias, que ten a encarga de traducir o soño do río e do bosque á lingua dos poetas. Vive enriba dunha sobreira.
  30.- Neboeiros de Dona Andrea. Habitan no Pico Sacro con forma de barcos tradicionais, espallan auga a xeito de chuvia cando se precisa apagar o lume.
  31.- Matías. Barqueiro de neboeiros, percha nunha nube con forma de barco de dornas. Cando llo pide Paula con poesías e bicos nas meixelas ceiba a chuvia e ama a Paula.
Salgadinha 32.- Salgadiña. Estrela de Fisterra encargada de parar as guerras sementando palabras (xustiza e liberdade) como se sementan as patacas ou o millo. Foi atrapada pola marea negra. Sálvase grazas a un paxaro cormorán, borracho de alcatrán, lavándose na fervenza do Xallas e abrazando os carballos ananos do Monte Pindo.
Cormorán 33.- Paxaro Cormorán. Borracho de alcatrán, despois de salvar a Salgadiña namórase dela ata morrer. Hoxe é unha estrela que pide ás xentes que non tiren máis lixo ó mar, non vaia ser que se envelene Salgadiña e retornen á nosa terra as malditas guerras.
  34.- Suberiña. Sobreira das Lagoas, escribe cartas nas súas follas para que os nenos amen ás árbores, agocha poesías forestais e danzas de esquíos libertarios.
  35.- Xacias da muñeira negra. Bondadosas, habitan os fondos do río Miño en Chouzán, curan ás xentes enmeigadas polas lavandeiras. Na marea negra solidarizáronse coas sereas da costa pintando a piscina de Chantada con chapapote. Están sendo investigadas por unha equipa policial da garda civil.
  36.- Lavandeiras . Fermosísimas mulleres que enganan aos barqueiros pedíndolles que lles axuden a tender a roupa. Desaparecen e fica na roupa un engano, nácelles aos enganados rabos de porco.
  37.- Barqueiros de río. Non axudan a tender a roupa ás súas mulleres e son enganados pola beleza das lavandeiras. Nácelles un rabo de porco e andan na procura dunha xacia da muiñeira negra para buscar unha flor negra con pintas amarelas coa que facer un cocemento que afaste o engano, segundo a curandeira Fermina Doade.
  38.- Ank. Anano da tribo das nove derrotas nas terras das xacias da muiñeira negra. Viaxa cara a illa das gaivotas na procura da muller gaivota, da muller de cristal e da muller chuvia. Pódese ollar enriba dos castros espido bailando coa chuvia. Chove e chove e non para de chover.
  39.- Ogheb. Muller chuvia, fuxiu á illa das gaivotas indignada co trato dos humanos á terra con tanto lixo e incendios. Está namorada do anano Ank.
Muller gaivota 40.- Muller gaivota . É unha gaivota que se converte en muller cando un humano pousa enriba dela un carapucho pardo para protexela do sol ardente da illa. Forma parte da resistencia das gaivotas o terror dos homes.
Muller de cristal 41.- Muller cristal. Aparece na illa cando se pousa o sol. A muller cristal converte todo en algo semellante ao cristal, fai desaparecer bosques, fervenzas, praias, fontes para que o home non as mire e sen ollalas non sexa capaz de destruílas.
Pintega das Ons 42.- Píntega das Ons. Repudiada e rexeitada por todos, só busca unhas pinguiñas de amor, cando alguén a ame pararan todas as guerras. É rexeitada polo xuíz, polo cantante e polo presidente da guerra preventiva, namórase de Ank e son torturados e fusilados polos estados unidos do país da normalidade. Trala súa morte estendese unha praga de flores negras con pintas amarelas. Dende aquelas a xente, ao cheirar estas flores, fica namorada do diferente, dos soños, das palabras, das ideas e das esperanzas.
  43.- Ergo. Neno-río, foi roubado polo Miño nunha vinganza equivocada contra o home que o torturaba con adubos e paredes de cemento. Agora conta contos co río seu paso entre a ponte do camiño de ferro e a ponte romana en terras de Ourense.
  44.- Roburiña. Carballa oca da alameda de Compostela onde vive a pantasma de Fermina Doade, a curandeira que estende receitas para abrazar as arbores.
  45.- Tasniño piña. Trasno diminuto con forma de piña cativa. Se o pousas dentro dunha árbore oca, abrázala e dis “trasno, trasniño convértete en libriño”, ao día seguinte aparece un libro de contos dentro da árbore con receitas para abrazalas.
  46.- Lobo bravo chino. Bondadoso menos cando se topa cun humano que verque lixo, pelexan ata convertelo en trasno recicliño. Acolle a Busege na súa fuxida da guerra.
Neno Fame 47.- Neno fame. Habita nas terras do sur enganado constantemente polo vento mentireiro que o fai cambiar de nome, neno frío, neno guerra, neno sede, ata que nunha patera chega á praia cos olliños pechados e o chaman inmigrante nº 3. Rebélase e constrúe tres cazadores de ventos mentireiros na procura de tres magas solidarias.
  48.- Lamiñas de Abade. Grupos de magas que trocan o vento da mentira en vento da paz, da xustiza e da liberdade. ¡Tiza, Tiza, Tiza, que este sexa o vento da xustiza!...
  49.- Mutitumba. Meniño que vive por baixo dunha árbore, os días de friaxe soña coa calor do mar e cun neno lobo que o leve á praia. A súa vinganza é a bondade.
  50.- Busege. Neno soldado que fuxe da guerra refuxiándose onde os lobos bravos chinos. Convertido en neno lobo busca vinganza vertendo odio pola faciana. Ao entrar no bosque o roce das pólas arríncanlle todo o odio ata chegar a Mutitumba.
Siarbo 51.- Siarbo. Trasno ladrón de soños que agochado entre penadas rouba os soños aos nenos azuis para venderllos ós pais dos nenos vermellos. Un destes soños convértese en pesadelo e fai que o neno vermello sopre con tal forza que todos os soños de todas as cores caian enriba da fraga a xeito de chuvia solidaria.
  52.- Nabiza. Raposa que viaxa pola Galiza descubrindo os estraños e destrutivos costumes dos humanos que habitan a nosa terra.
  53.- Milos. Trasnos do lume que se adentran nos miolos das persoas para que non amen o bosque e o destrúan cos incendios forestais.
Yetana 54.- Yetana. Domadora de ventos do deserto a quen un día o vento da tristura méteselle polas orellas para aniñar no corazón, comeza a chorar pedras.Despois de fracasar a visita dun grupo de médicos e científicos de países importantes, un cociñeiro chupanubes dun país minguante cociña sopa de esperanza, a nena deixa de chorar.
  55.- Chupanubes. Cociñeiro dun país minguante que con ortigas da razón, cebolas da tolerancia, allos da tenrura e chuvia da liberdade cociña sopas da esperanza que curan aos nenos que choraban pedras e fan que os pobos soñen que serán libres.
  56.- Principes de area. Fahtma e Brahim, pódeselles ver moverse coa comitiva nupcial, cos danzantes, os músicos, os fogueteiros, os padriños, movidos polo vento con forma de area despois de que na súa voda un avión das forzas ocupantes confundiraos con terroristas e disparara sen cesar ata tinguir o deserto coa sangue da desesperanza.
Vicentiño 57.- Vicentiño. Paxaro do río Miño que un día pousouse enriba do carballo con botas descubrindo que nas pólas das árbores da fraga dos ContoSolidarios habitaba a palabra paz e ao mesmo tempo que os incendios destruían ás árbores, a guerra estendíase por todo o planeta. Vicentiño foi convertido polos Milos, trasnos do lume, en carauta de Antroido. Anda subido á cabeza chea de paxaros dun contacontos acompañando ao carballo con botas contando historias para parar as guerras e tamén as mareas negras.
  58.- Vicentiña. Pucha latinoamericana, tecida polas mulleres maias do comercio xusto, que acompaña a Vicentiño nas árbores agardando á palabra paz. Vicentiña póusase enriba das barcas tradicionais dos ríos galegos para desprazarse de escola en escola.
  59.- Rei do Silencio. Descuberto polos cativos da escola de Cambeo en Ourense, di que hai que falar baixiño para escoitar os contos. Foi secuestrado pola néboa, nebona, malona, que quería que a xente berrase para que retornasen as guerras a dominar a terra. Os nenos conseguen liberar ao Rei do Silencio nunha competición deportiva contra a néboa, nebona, malona, por ver que fala máis baixo. Os nenos baten o record mundial de falar baixiño e participaran na próxima olimpíada neste afamado deporte do silencio.
Cabra da liberdade 60.- Cabra na liberdade. Tecida polas nais dos nenos de Bangladesh enfróntase co seu ollar ao león da guerra que despois de asustar á toda a fauna dos ContoSolidarios, descubre nos ollos da cabra o poder da liberdade, que habita tamén nos ollos dos nenos que sofren as guerras. No remate o león treme, ten medo, renuncia ás armas e pasea coa cabra pola fraga dos ContoSolidarios, falando ¡beeeeee! Como a mesma cabra.
  61.- Vento e Juja. Estraños personaxes que de escola en escola convencen ás nenas e aos nenos galegos para que lle arrinquen o pucho da guerra e o pucho da fame aos trasnos da inxustiza que habitan en tantos lugares do mundo. Cambian contos por lapiseiros para escribir a palabra liberdade nos soños dos nenos refuxiados do deserto.
Mufit 62.- Mufit. Camelo refuxiado do deserto saharauí que lle conta media ducia de contos solidarios a Vento e Juja para que axuden a repoboar a fraga dos ContoSolidarios.
  63.- Homem triplicado. Ten tres nomes, Desprestixe na Costa da Morte, Tarbús na Auria e Xacinho en Portugal, aparece para interromper os contos convertendo lixo, o chapapote e as armas en bolas malabares que saltan polo ar a xeito de esperanza ceiba.
Lobo Garabelos 64.- Lobo Garabelos. Trátase dun lobo pacifista e solidario, que despois de volverse vexetariano para non matar a ninguén e sufrer un incendio forestal que deixa sen belotas o seu bosque parte na procura dun contacontos, para que lle compense tanto maltrato de lobos nos contos ensinándolle a cociñar contos solidarios. No remate abre unha casa de xantar onde se serve o menú do día con contos. Para chamalo falade baixiño.
  65.- Porquiño pacifista. Trátase dun porco que avisa aos nenos de que o peór lobo son as armas, o seu tradicional ruído “grrooo” significa según estudos de veterinarios e biólogos “adeus ás armas”.
66.- Barca do Ferrol. Trátase dunha barca marítima que foi levada ata o río Cabe do que ficou namorada de tal xeito que lle pediu ao vento, ao sol e ao mar que a desfixeran para que as gaivotas levaran as súas estela a morrer amando para sempre ao río.
Río Cabe 67.- Río Cabe. Río moribundo que acolle unha festa fluvial onde unha barca do mar se namora del, fica de tal xeito engaiolado que só vive por verse abrazando á barca, cousa que acontece grazas ao amor daquela barca do Ferrol.
Luviñas 68.- Xacia Luviñas. Personaxe máxico do río Miño feito cunha culler de pau e unha luva vella, aparéceselle a un barqueiriño que andaba buscando a paz, o barqueiro limpa o río e ela empeza a acariciar “chámome xacia luviñas e son a que da as cariciñas, se a paz queredes coidar moitas cariciñas tedes que dar”.
  69.- Iago-Mago. Salva o poboado Gaivota diante do dragón das sete cabezas de lume a quen acaba convertendo grazas aos irmáns da landra nun carballo de sete ponlas.
  70.- Xinetes das árbores. Habitan en Manzaneda e cabalgan as árbores para que poidan fuxir dos incendios refuxiándose no río Cenza.
  71.- A Escribidoira. Ela é de Trives escribe cartas a man dende o castiñeiro de Pumbariño, céibaas como follas do outono e a xente cando recolle as castañas le as cartas de amor e fica namorada, con que remata o tempo dos homes-maquina.
  72.- Argantael. É a nena encargada de subir a unha árbore para recitarlle un poema ás estrelas con fin de que volten a iluminar a sabedoría dos homes e non lle fagan máis dano á terra.
  73.- Paraugas-Dameaugas. Estraño paraugas creado por un neno chamado Iván que o topa no chan, píntao con poesías e ensínallo á nube Cristina para que chova, e chova e non pare de chover.
  74.- Nube Cristina. Non sabe ler, co lume e co lixo non puido aprender, grazas a un neno que lle escribe poesías nun paraugas-dameaugas aprende a ler e rapidamente ponse a chover.
  75.- Cadeira de cores. De madeira vella reciclada e recollida por un contacontos acompáñao en bicicleta a contar contos e serve de asento a velliños doentes e naiciñas preñadas que escoitan os contos.
  76.- Tamac: Raza de fadas que se converten en pedras para escoitar aos humanos, dinche onde podes topar os noceiros e noceiras para que che fagan mira-ó-mundos.
  77.- Noceiros: Seres estrañamente diminutos que camiñan co vento e donos dun ollar que entra dentro do corazón para acariñalo, len os números ao revés.
  78.- Hanelek: Fada que habita nas mazairas e constrúe mira-ó-mundos, da raza das noceiras e noceiros, cando di grazas significa ¡amo-te!.
mira-o-mundo 79.- Mira-ó-mundo. Tronco oco dunha mazaira por onde mirar o mundo para non volver a facerlle dano.
  80.- Peixeiro Martiño. Paxaro defensor do río Miño que voa en paztinete na procura dos contos refuxiados que habitan nas nubes.
  81.- Paztinete: Invento voador con forma de patinete que realmente se converte en barca voadora para ir buscando aos contos de paz entre as nubes.
Atrapacontos 82.- Árbores atrapadoras de contos. Arbores de cartón reciclado que teñen un buraco cosido coma os atrapadores de soños indíxenas. Con elas atrápanse contos que deben ser comidos, ben mastigados e contados rapidamente. Porque os contos alimentan como as paisaxes e mirar para as árbores. Teñen dous modelos, modelo normal e o “supertuneado” para atrapar contos sen palabras.
  83.- Tirabeloteiroplantabosques: Arma de repoboación masiva, construída cunha gaia de mazaira e unha cámara vella de bici que a xeito de tiracroios repoboan os montes lanzando landras e castañas.
  84.- Arco lanzalandras. Feito de madeira de teixo e cámara de bicicleta lanza landras ao xeito indíxena.
  85.- Casa das landras voadoras: Sociedade secreta de repoboación forestal que agochada entre as montañas dispara landras para repoboar os montes.
  86. Abdalaz. Miquiña tecida polo vento que naceu do comercio xusto para salvar aos contos refuxiados que habitaban en papeis reciclados.
  87.- Tigretón insultón. Trasno que insulta á xente diferente ao que temos que convencer repetíndolle unha e outra vez: “Non insultes, se tolerante”.
  88.- Chinchaciño de Chantada. Tamén chamado “trasno do lixo” que anda ciscando o lixo e temos que convertelo en pallaso dicíndolle unha e outra vez as palabras: “Non tires máis lixo”
  89.- Monstro da guerra. Vive agochado dentro dun saco e quere levar aos nenos ás guerras, temos que paralo dicíndolles unha e outra vez: “Non quero ir á guerra”
  90.- Lobiña Lubiana. Vive nas montañas de Lubián e é quen de saber como latexa a montaña, as súas bagoas convértense en perlas de cristal para convencer aos humanos de que deixen de mancar ás montañas.
  91.- Xeroi. Habitante das grutas que existen dentro das montañas, home de xeo, que transforma as bagoas de lubiana en perlas de cristal.
  92.- Xinete da Chuvia. Un ser máxico que habita no fondo dos ríos e sae a cabalgar nunha pedra con forma de cabalo esculpida polas augas do Miño que se converte en chuvia para parar os incendios. Está namorado da xacia Sheloc. Un ser máxico que habita no fondo dos ríos e sae a cabalgar nunha pedra con forma de cabalo esculpida polas augas do Miño que se converte en chuvia para parar os incendios. Está namorado da xacia Sheloc.
  93. - Pedro Mirada de Paz. Habita nas terras da mariña para nun barquiño parar as guerras coa súa ollada.
  94.- Mar: Namorada de Pedro é unha serea que o salva cando os destrutores queren acabar coa súa mirada.
  95.- Balea Amarela: Enviada polas sabias augas mariñas para que transporte os contos e os cantos do sur, a dor e a esperanza, dentro do seu bandullo.
  96.- As sabias das montañas: Bea, Marta e Irina, tres nenas sabias que buscan o motivo da dor da balea amarela e conseguen cos sorrisos dos nenos parar as guerras.
  97.- Marteliño da esperanza. Labrado polas xacias do Miño coas poliñas dos amieiros que arrastra o río, derruba todos os muros da desesperanza para encontrar os consellos das sabias.
  98.- Bacallau-Monçao. Home-peixe, das terras de Portugal, incansable bebedor de macela e zume de pexego, que guía á balea na procura das sabias.
  99.- Mohamed Quechua. Cociñeiro de contos intercultural, con traxe saharauí, pucho boliviano, barba bretona e falar galego, cociña contos solidarios que alimentan a imaxinación pero sobre todo a cooperación, para construír un mundo de igual a igual.
  100.- Vento Venteiro. Tratase dun vento venteiro que é un larpeiro e foi ceibado polos que querían destruír o bosque para que lle roubase a voz aos contacontos.
  101.- Fada Pousada. Habitante do país de Salceda, fala baixiño e convence ao Vento Venteiro, que é un larpeiro, de que lle devolva a voz aos contadores de contos e que lle axude a traducir os contos dos atrapadores á linguaxe das caricias, das caricias do vento.
  102.- Balón planta-bosques: Balón vello que usamos como maceta para plantar árbores dentro del co fin de “meterlle un gol ao lume”.
  103.- Nube Namorada: É unha nube namorada do bosque que esta entristecida porque o lixo e o lume quere roubarlle ao seu namorado. Viaxa dentro da mochila dun atrapador de contos convertendo os libros en “Ximnasios da Imaxinación”
   
Contos Solidarios - Avda. de Portugal 16 27500 Chantada, Lugo - carballoconbotas@hotmail.com
novodesenho