quen somos contos cineteca enlaces galer’a de fotos contacta con n—s
A Casa EnChantada facebook twitter
 
quen somos
contos
cineteca
enlaces
galeria de fotos
contacta
prensa
 
 
 
 
2teixos
 
a web d@s nen@s
 
decalogo
 
cantos solidarios
 
 
 

• TEATRO SOLIDARIO
"Irimia, estrela do río Miño"

Trátase dunha obra sobre o problema da contaminación dos ríos na que se recuperan personaxes da  cultura popular das ribeiras fluviais como son as xacias, mulleres peixe que contan en Chouzán (Carballedo) que saían do río para facer trasnadas, ou as barcas de río tradicionais, coma o barco de dornas que sucaba o Miño fai máis de cincuenta anos. Esta obra busca o compromiso dos nenos co seu contorno. Grazas pola vosa axuda.
 
 
versión para imprimir (word) descargar
versión para imprimir (pdf) descargar
 
Actores: Un número indeterminado xa que son moitos os papeis, nenos que fan de estrelas, de guerras, de paxaros...
Escenario: Un papel pintado co debuxo dunha barca de dornas, un paxaro e unha estrela. Unha escaleira plegable (dende a que salta a estrela), unha escopeta de cartón, un pau que fai de remo, un papel pintado con forma de fervenza, unhas cartolinas con forma de plantas co nome de distintas palabras e un sachiño para plantar palabras.

“IRIMIA,  ESTRELA DO RIO MIÑO”

(Unha nena cun pucho vermello, como din que saen as xacias do río)

Xacia-narradora: Troitas, anguías, lampreas e barbos, chámome Brétema e son unha xacia do río Miño, as xacias, dende antes dos humanos, formamos parte silenciosa deste río, somos metade humano, metade peixe, e gustamos de saír do río para contarlle historias a xente que ama estas ribeiras coma os barqueiros que cruzaron o río nas súas barquiñas o longo dos séculos. Esta que vos imos contar é unha historia recente e verdadeira, o amor dunha estrela fugaz ou veloz e un paxaro barqueiro do noso río.
Por favor remade e remade, que ides chegar tarde o comezo da historia.
(A xacia-narradora fai que rema pedíndolle aos nenos do auditorio que coas súas mans se agarren a uns remos imaxinarios e os movan coma se fosen remando.)
(Enriba dunha escaleira plegable aparecen varias nenas sentadas, coa faciana dentro dunha estrela de cartolina)

Estrela-nai: Irimia, que fas aí sentada, non escoitaches que un meniño do río está pedindo un desexo, acaso non sabes que ti es unha estrela fugaz ou veloz. Baixa axiña.
(Unha nena estrela salta dende a escaleira e achegase a un neno sentado no chan.)

Nena-estrela-Irimia: Neniño pedíchesme un desexo, son eu a túa estrela fugaz.

Neniño: Si estreliña, ando moi preocupado por tantas guerras, quería que parasen todas, como podo facer.

Irimia: Non te preocupes pequeno, eu parareiche todas as guerras, non as vou deixar que crucen o río Miño e ademais vou facer que sementen palabras como quen sementa as patacas ou o millo.

Neniño. E iso será posible.

Irimia: Home, un pouquiño difícil si, pero nesta vida non existe nada imposible, fíxate ti meu neniño do río Miño.

Irimia: Alto, ti que es, que fas aquí (dirixíndose a un neno que fai de guerra).
(Un neno cunha escopeta de cartón).

Neno-guerra: Pois nada vou de camiño, eu son a guerra que vai para Iraq.

Irimia: Pois por aquí non podes pasar.

Neno-guerra: Pero aló teño que chegar.

Irimia: O que tes que facer e poñerte a plantar estas palabras.
(Entrégalle unha cartolina coa palabra xustiza con forma de planta, verza, cenoria.... e un sacho para que a plante).

Irimia: Anda éncheme esta ribeiriña do río Miño con hortas de xustiza para que na primavera xurdan inmensos campos de paz.

(O meniño fai que sacha e vai plantando as palabras).

Irimia: Alto, para onde vas ti. (dirixíndose a outro neno con outra escopeta de cartón).
.
Neno-guerra: Eu son a guerra de Palestina, teño que chegar axiña.

Irimia: Por aquí non podes pasar, ti tamén verbas terás que sementar, colle estas.
(Entrégalle unhas cartolinas con forma de leituga coa palabra liberdade, e o neno ponse a facer que as planta).

Irimia: A liberdade tes que plantar nestas hortas da ribeira para que na primavera xurdan inmensos campos de paz.

(Así un e tras outro poden aparecer nenos-guerra que van para Sudán, Somalia... os que Irimia os pon a plantar palabras, tenrura, esperanza, solidariedade....)

Irimia: Que ben, hoxe non apareceu Ningunha guerra, vou beber un vasiño de auga do río Miño que coa calor que fai teño moita sede.

(A nena fai que bebe auga do río e comeza a tusir botándose as mans a barriga).

Irimia: Ai, ai, que mal me sentou esta auga, como me doe a barriga, debía estar contaminada, creo que me vou a desmaiar.

(A nena cae deitadiña no chan).

Nenos-guerra: Veña, imos fuxir, a esterlina enfermou, vai morrer e nos poderemos continuar as guerras, neguen poderá paralas.

Xacia-narradora: Irimia, envelenada pola contaminación do río Miño ficou deitada na súa ribeira pendente dunha morte segura, ata que por aquel cauce fluvial, un estraño paxaro barqueiro do Miño, perchando na súa barca de dornas chegouse onde ela.

(Aparece un meniño cunha carauta de paxaro e unha percha de barca miñota na man).

Paxariño-barqueiro: Por tódalas xacias, polas mulleres peixe, pero isto que é, unha estrela deitadiña na ribeira. Debe estar morta.

(O paxariño mira unha e outra vez para a estrela, dando voltas o redor dela).

Paxariño: Nunca vin cousa tan fermosa, tan pálida, tan feitiña. Pero qué pasa? (poñendo a súa orelliña no corazón da estrela), aínda respira, teño que axudala.

(O paxariño carga nas súas costas a estrela e faina cruzar por un papel pintado de azul que fai de fervenza).

Paxariño: Estreliña, estreliña, imos lavarnos nesta fervenza.

(O neno agora atopa uns meniños vestidos de árbore).

Paxariño:
abraza agora estes érbedos e sobreiras da nosa ribeira, seguro que vas curar, que mo dixo unha curandeira de Sober que as árbores mandaba abrazar.

(A estreliña despois de lavarse na fervenza e abrazar as árbores vaise recuperando).

Irimia: Que pasou, onde estou, que aconteceu, pensei que morría, quen es ti.

Paxariño: Non te preocupes estreliña, eu só son un paxaro barqueiro do río Miño, tróuxente ata aquí despois de lavarte na fervenza  e abrazar unhas árbores para que recuperaras a vida, e xa ves, véxote un pouco mellor.

Irimia: Eu só recordo que comecei a beber auga do río e de seguida fiquei deitadiña, desmaiada, doíame moito a barriga.

Paxariño. Debe ser que esta contaminada, todos os lugares que coñezo deste río están sendo mancados pola soberbia humana, construíronlle encoros, verguen das súas fábricas velenos e deitan nel todo tipo de lixo, aquí non hai quen viva.

Nai da estrela (berrando): Irimia, Irimia, as guerras cruzaron o Miño, marcharon para Iraq, Somalia e Sudán, tes que vir paralas.

Irimia (dirixíndose o paxaro): Adeus meu paxariño, adeus meu barqueiriño, grazas por me salvar, téñome que marchar, vou  parar as guerras que llo prometín a un meniño.
Paxariño: Adeus Irimia, cóidate.

Xacia-narradora: Pasaron os días e paxariño sentía un estraño desacougo, non tiña ganas de remar, nin de traballar, sentía formiguiñas na barriga e un estraño latexo no corazón. Paxariño ficara namorado da estrela do río Miño. Mais daquelas as estrelas eran deusas, inmensamente fermosas e os paxaros eran, eran...... eran paxaros. Pero foi  tan grande aquel amor que o paxaro decidiu  limpar o río todo o día, para que a estrela non se volvese envelenar, e pola noite perseguir a luz da súa estrela.

Paxariño (facendo que recolle no lixo cun saquiño): Como está este río, isto é unha vergoña, pero non vou parar de limpar nel para que a estreliña non se volva envelenar.

Paxariño (facendo que voa na noite): Irimia, Irimia, onde estas, dáme un pouco de luz.

Xacia-narradora: Mais foron tantas as guerras que parar, que Irimia non volveu aparecer por onde o paxariño. E foi tanto o lixo que recoller, e tanto o esforzo en buscar a súa estrela que paxariño ficou el tamén esgotado, enfermo.

Paxariño (facendo que esta moi canso): Non podo mais, debería descansar, pero cada vez baixa mais lixo polo río e non permitirei que se envelene a miña estrela.

(Aparece un neno vestido de frío, con moitos abrigos, bufandas... ).

Neno-frio: Paxariño, son o frío, estas moi canso, non emigraches cara o sur, dásme moita magoa, sei o que quedaches facendo, sei de todo o teu amor pola estreliña, pero non teño mais remedio, téñote que levar.

Paxariño (aterecido co frío): Lévame que non teño forzas para mais loitar. ¡Ámote Irimia, miña estreliña!. (cae deitado en brazos do frío).

Neno-frio: Morreu, morreu o paxariño, que tristura onde se chama  Castro Candaz.
Irimia: Pero que é isto, que cruzou o meu corpo, que mala nova aconteceu, que tremo de tristura, teño que baixar onde aquel meu paxaro, debo visitalo, vou o Castro Candaz.

(Irimia chega onde o paxaro morto).

Irimia: Paxariño, paxariño, esperta por favor, non é posible, non podes estar morto, tes que vivir, sen ti non son nada, perdoa por non volver mais axiña, sempre souben do teu amor,eu tamén ameite dende que te vin,pero tiña que parar tantas guerras. Vive por favor.

(A estrela dun e doutro xeito tenta reanimar o paxaro, pero nada é posible).

Irimia: Non me podo render, tal como a min cando fun estrela fugaz me pedían desexos, eu pedirei desexos a todas as estrelas.

(Irimia vai falando con outras nenas vestidas de estrelas).

Irimia (a estrela dos árabes): Estrela do deserto, estrela dos árabes, por favor axúdame.

Irimia (a estrela dos reis magos): Estrela dos reis magos, por favor axúdame.

Irimia (as estrelas da vía láctea): Estrelas da vía láctea axuda por favor.

Irimia (a osa maior): Por favor axuda.

Todas as estrelas xuntas preguntan: Qué desexo queres Irimia?

Irimia: Quero vida para o meu paxaro.

Paxariño (coa faciana dentro dunha estrela, facendo que esperta): Pero que pasou, onde vai o frío, pero que me pasa, Irimia estas ti aí.

Irimia: Si meu paxariño, estas vivo, e ademais ti tamén es agora unha estrela que por sempre me poderás acompañar. Imos os dous xuntos todas as guerras parar.

Xacia-narradora: Contan as xentes do rio Miño que dende aquela pódense ver dúas estrelas enriba daquelas ribeiras, unha que ten forma de paxaro e outra que para as guerras. E contan tamén que polas noites lles din as estrelas ós nenos do noso río:

Irimia e Paxariño (dirixíndose o público): Por favor, non tiredes máiis lixo ó río, nin ó mar, nin ó bosque, non vaia ser que as estrelas que andamos parando as guerras, cando algún de vos pide un desexo e caemos dende o ceo veloces para beber auga do río, bañarnos no mar ou pasear polos bosques, nos vaiamos envelenar e retornen a nosa terra iso que chaman as malditas guerras.

Xacia-narradora: Facédelles caso, non tiredes mais lixo, que se non as xacias ímonos enfadar e contos non volveremos a contar. Ata sempre troitas, barbos, anguías e lampreas.


FIN

« voltar ó índice dos contos
CONTOS SOLIDARIOS
Contos Solidarios - Avda. de Portugal 16 - 27500 Chantada, Lugo - carballoconbotas@hotmail.com
novodesenho